Usted está aquí

Preséntase no Centro Ramón Piñeiro de Santiago a publicación "As razóns do galeguismo autonomista-Xosé Fernando Filgueira Valverde", escrito por Manuel Regueiro Tenreiro e Fernando Regueiro Pérez. Tendo en conta a vixencia das ideas de Filgueira Valverde, 79 anos despois, e a actual preocupación pola situación política, a publlicación revisa o seu pensamento.(Resumo da intervención do Profesor Regueiro Tenreiro na presentación de "As razóns do galeguismo autonomista").

Cando o Mestre Xosé Fernando Filgueira Valverde escribe e, despois pronuncia en Radio Lugo, esta conferencia para pedir o SI, ao Estatuto de Galicia de 1936, levaba un curso incorporado á Cátedra de Lingua e Literatura, no Instituto Nacional de Enseñanza Media de Lugo. Era, pois, un mozo de 29 anos coa súa carreira docente e política consolidada.

Tamén era un político bastante coñecido, pois xa tiña exercido de secretario de Labor Galeguista na súa cidade natal; tamén estivera moi activo na Asemblea Constituínte do Partido Galeguista (5 e 6 de Decembro de 1931), e fora elixido secretario técnico do Partido Galeguista, cargo que exerceu durante dous anos. Asemade tiña participado intensamente na elaboración do texto do Estatuto de Galicia redactado no seo do Seminario de Estudos Galegos e, especialmente, interveu activamente na Asemblea de Municipios de Galicia, aquela que impulsou o 1º Estatuto de Autonomía, celebrada en Santiago entre os días 17 e 19 de decembro de 1931. Desta asemblea saíu o xermolo do texto que se ía votar aquel 28 de xuño de 1936, precisamente do que fala e defende Filgueira na conferencia/mitin, que se transcribe na publicación que hoxe presentamos.

Esta conferencia/mitin ten aplicación hoxe por tres razóns:

1.- Clarifica a ideoloxía político-autonomista de Filgueira e da Dereita galeguista, que on é outro que un vitalismo de corte orteguiano, completado coa crenza cristián. Sensu contrario, esta ideoloxía enfronta dereitamente cos dous imperialismos rampantes nos anos trinta en Europa e en España que eran: o materialismo dialéctico leninista e o capitalismo salvaxe agochado no nazismo e no feixismo.

2.- Define un modelo de desenvolvemento autonómico coherente e integrador de Hespaña, facendo unha historia da singularidade de Galicia, e das virtualidades dun proxecto autonómico para desenvolver, co Estatuto aprobado, unha Galicia próspera dentro dunha Hispania Maior (recordo da Hispania romana). Tal era a interpretación que facía Filgueira e a Dereita Galeguista do proxecto autonómico que se estaba a desenvolver ao abeiro da Constitución de 1931. Este proxecto era nidiamente: autonomista, integrador e pacífico. Polo tanto, nunca, endexamais se debeu poñer en práctica -saltándose (¡tamén daquela!) a legalidade da Constitución republicana- baixo as opcións extralegais: federalista, disgregadora e violenta. Penso que a idea autonomisma defendida por Filgueira como conselleiro das Forzas galeguistas de Dereita atopámola resumida no parágrafo que se le no final da páxina 38 onde di así: Nós, os que hoxe co Estatuto pedimos a autonomía non somos un pobo de separatistas. Non sabemos o que é o separatismo. Somos o berce maternal das Hespañas a “terra genÇor” “la España madre de la España entera”, a célula da formación histórica e social da Hispania cristiá.

E 3. Ofrécenos, agora e cara ó futuro, “un proxecto suxestivo de vida en común” para a convivencia española (pax.31), cando se di:
Temos tamén o dereito a que se sepa que pedimos a nosa libertade non para arrenegar da nosa historia [fraterna], senón para que teña agora inda mellor cumplimento esa misión maternal de Galicia …(e remata) agardando de novo … as terras da Hespaña a xunguirse nunha [superior] soliedariedade superestatal. Penso que nesta frase contense unha referencia anticipadora a unha futura unidade superestatal que, hoxe, ten a súa realización na Unión Europea.

Utilizamos aquí ideas que D. José Ortega y Gasset expón e D. Xosé Fernando asume. En concreto, Ortega na España invertebrada (na edición de 1983 de Alianza Editorial, 1ª parte, apartado 3º, páxina 41, parágrao 2º) escribe este texto tan repetido:
…la incorporación nacional, la convivencia de pueblos y grupos sociales exige alguna empresa de colaboración y un proyecto sugestivo de vida en común. La historia de España confirma esta opinión, que habíamos formando contemplando la historia de Roma. Los españoles nos juntamos hace cinco siglos para emprender una weltpolitik y para ensayar otras muchas faenas de gran velamen.
A historia de Roma recóllea o Mestre Filgueira na mención á tradición da Hispania maior, a welpolitik reflíctese no seu deseño da autonomía, e as “faenas de gran velamen” ábrennos ás comunidades fraternas de España e á Unión Europea. Ortega pensaba e dicía que España debía unirse e para iso o sistema que se debe seguir unidos e progresando era o seguinte: proyectar empresas comúns. Textualmente dicía:
Mientras España tuvo empresas a que dar cima y se cernía un sentido de vida en común sobre la convivencia peninsular, la incorporación nacional fue aumentando o no sufrió quebranto. (Isto tamén está tomado da páx 43 da citada España invertebrada)
¿Era todo esto unha ensoñación dos dous autores coetáneos e contemporáneos D. José Ortega e D. Xosé Fernando Filgueira Valverde? Pois, penso que non. Creo que é unha posibilidade aberta e suxestiva para Galicia e España. Creo isto por dúas razóns: unha de tipo histórico e outra baseada en feitos constatables.
- Os feitos constatables patentízanse na propia existencia do Comité de Rexións Europeas e da participación efectiva das Comunidades Autónomas e Rexións recoñecidas na Comisión Europea. Por exemplo, nos xornáis do mércores 14 de outubro puidemos ver: Galicia impón, por unanimidade, as súas ideas sobre acuicultura ante o Comité das Rexións da U. E. (¡Noraboa á Dirección de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta!)
- A razóns de tipo histórico están, por unha parte, no Título X da Constitución actual no que se contempla a posibilidade de reforma da propia Carta Magna.. Por outra parte. na historia do proceso de elaboración do primeiro Estatuto de Galicia temos un precedente alentador. Neste eido quero, para rematar, recordarlles o que se di na nota (páxina 14 da publicación) da que estamos a falar:
A Asemblea de Municipios foi promovida polo Alcalde de Santiago Raimundo López Pol, nela tivo un papel destacado o concelleiro e profesor universitario Enrique Rajoy Leloup.

Loxicamente, cabe pensar e penso que o neto de D. Enrique pode saber dabondo sobre autonomismo.

CLIENTES


Algunos de los clientes que han confiado en nosotros